19/04/2008   BM CISNE GRUPO PIRSA 33 – CALVO XIRIA 29

Bm Cisne Grupo Pirsa (19+14) 33: Eduardo, Víctor Ansias (5), Alberto (5), Fernando (6), Pablo (4), Quintáns (1) e Vidal (5) -equipo inicial- Galán, Borja (2), Víctor García, David, Guillermo (3) e Nicolás (2).

Calvo Xiria (18+11) 29: Iago, Cuco (1), Bruno (5), Jesús (3), Sebastián (6), Pablo (3) e Fernando Vázquez (2)  -equipo inicial- Quique, Alex (1), Cristophe (1), Chimpo (4), Pombo, Dubra (2) e Manuel (1).

Árbitros: Martín Rodríguez e Rafael Iglesias. Sen complicacións.

O Calvo Xiria quedou eliminado da competición de Copa logo de perder fronte ao Cisne en Pontevedra.na elimitatia de cuartos de final. Foi o último partido oficial do conxunto carballés antes de afrontar a fase de ascenso a Primeira Estatal dentro de dúas semanas en Oviedo.  

Comezou ben o partido o equipo de Marcos Rodríguez. As anticipacións en defensa e as rápidas saídas en contraataque, ben finalizadas por Bruno, propiciaban que o Calvo Xiria pronto conseguirá unha cómoda renda no marcador (3-6). O Cisne refíxose do primeiro arreón dos visitantes e, cun parcial de 4-1, conseguía igualar o partido (7-7). A partir de aí, e ata o final da primeira parte, o choque foi moi igualado. Cisne e Xiria propuxeron un xogo alegre en ataque, beneficiándose da endeblez defensiva amosada por ambos conxuntos. A lóxica falta de tensión, unha vez finalizada a liga, propiciaba constantes alternativas no marcador, que a bo seguro agradeceron os poucos aficionados que se achegaron ata o Municipal pontevedrés.  

O adestrador do Calvo Xiria fixo que participaran do partido todos os xogadores convocados. Os constantes cambios da segunda metade impediron que os visitantes mantiveran un bo ritmo de partido, situación que aproveitou o Cisne para, cun parcial de 5-1, despegarse no marcador xa de inicio (24-20). O conxunto local, dirixido eventualmente polo ex do Xiria Chof, foi gañando en confianza ao tempo que o Calvo Xiria se diluía no seu xogo. A defensa seguía a brilar pola súa ausencia e, en ataque, o excesivo individualismo dos visitantes derivaba nunha mala selección de tiro. Máis facilidades para un Pablo Galán que, na reanudación, deu unha auténtica exhibición na portería local. O Cisne non tivo problemas para manter a renda conseguida nos primeiros minutos do segundo acto e conseguiu derrotar con xustiza a un Calvo Xiria coa mente posta na fase de promoción de ascenso a Primeira Nacional. O adestrador carballés, a bo seguro, tomou boa nota das probas que fixo ante un Cisne que xogará as semifinais de Copa fronte ao Rasoeiro.


18/04/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 16:30 h, no Pavillón Municipal de Pontevedra, ao Bm Cisne Grupo Pirsa, en encontro pertencente aos cuartos de final da Copa Federación Galega.

 

Coa mente posta en Oviedo e a disputa da fase de ascenso a Primeira Nacional, o Calvo Xiria disputa a domicilio o choque de cuartos de final da Copa Federación fronte ao Cisne en Pontevedra. Sen renunciar á vitoria final, o conxunto carballés afrontará o partido como preparación para esa fase de ascenso, polo que Marcos Rodríguez traballará en diferentes aspectos que axuden aos xogadores a chegar nas mellores condicións á cita de dentro de dúas semanas. Pese a todo, a vitoria suporía a disputa das semifinal en Carballo dentro dunha semana, nun choque que serviría, igualmente, para seguir preparando a fase.

 

O adestrador carballés repetirá a convocatoria que viaxou a semana pasada a Cangas, xa que Roberto tampouco puido adestrar durante esta semana. O extremo de Lalín reincorporarase o vindeiro luns aos adestramentos. Así, Dubra entra por segunda semana consecutiva na convocatoria, logo da súa lesión.

 

O Calvo Xiria non deberá confiarse ante un rival que xa o conseguiu derrotar en liga xogando como local. O Cisne rematou a liga en sexta posición e o seu rendemento como local foi sempre moi superior ao que amosou como visitante. O Calvo Xiria tentará recuperar as sensacións da segunda volta do campionato da regularidade, e que non amosou nos tres últimos partidos. Defensa e velocidade deberán volver conxugarse se os carballeses queren disputar as semifinais de Copa dentro dunha semana.

 

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Dubra, Fernando Vázquez, Cristophe, Pombo, Manuel, Jesús, Chimpo, Alex e Bruno.

 

2ª AUTONÓMICA

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este domingo, ás 12:00 h, no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao Bm. Muralla, en encontro pertencente á segunda xornada do Trofeo Delegación.  Logo da vitoria conseguida na primeira xornada en Ferrol, o Ifecgás Pereira Xiria busca o seu segundo triunfo en Copa fronte ao Bm. Muralla. O conxunto carballés parte como favorito ao triunfo fronte a un rival ao que xa derrotou nos dous partidos de liga. O equipo de Juan Manuel Rodríguez non debe deixar escapar a ocasión de apuntalar o liderato do grupo e comezar a definir as súas opcións á vitoria final no torneo de Copa.

 

 

CADETE FEMININO

O Garaysa Xiria enfróntase este sábado, ás 12:00 h. no Pavillón Municipal de Camariñas, ao Camariñas, en partido correspondente á segunda xornada de Copa. O conxunto carballés disputa o partido aprazado da primeira volta, co ánimo de repetir a vitoria conseguida hai unha semana contra o mesmo rival. Non o terá doado o Garaysa Xiria no derbi, xa que ambos equipos amosaron durante todo o ano moitísima igualdade. Vista a superioridade do Narón na competición, o choque será clave para dilucidar a segunda posición.

 

INFANTIL FEMININO

O Asesoría Sueiro Xiria enfróntase este sábado, ás 10:30 h. no Pavillón Municipal de Camariñas, ao Camariñas, en partido correspondente á segunda xornada de Copa. O conxunto carballés disputa tamén o partido aprazado da primeira volta e, á diferencia do equipo cadete, co obxectivo de lograr unha vitoria que compense a derrota sufrida ante o Camariñas no derbi da semana pasada. O partido promete tamén moita igualdade, xa que no último duelo o Camariñas foi quen de gañar por tan só un gol de diferencia. A segunda praza da clasificación tamén está en xogo na disputa deste encontro.

 

ALEVÍN E BENXAMÍN

A xornada para os equipos do Xiria complétase coa disputa, o sábado, da novena xornada do Campionaro Comarcal Alevín e Benxamín Mixto no Pavillón Municipal da Zona Escolar. A xornada comezará ás 10,00 h. En categoría alevín, participan o Caixanova Xiria A, B e C, ademáis do CEIP Bergantiños, CEIP Razo e CEIP Fogar. En categoría benxamín, ademáis dos equipos do Caixanova Xiria A, B e C, xogarán o CEIP Bergantiños, CEIP Cristina e CEIP Fogar.


15/04/2008

 

SORTEO DOS SECTORES DA FASE DE ASCENSO A 1ª ESTATAL

Realizado o sorteo para os 6 sectores da Fase de Ascenso a 1ª Estatal, que se disputarán do 2 ao 4 de maio, o Calvo Xiria quedou encadrado no "Sector B" que terá sede en Oviedo e onde se terá que enfrontar co 1º clasificado de Asturias e organizador do sector, Universidad de Oviedo, co 1º clasificado de Cantabria, CD Dela salle Grupo Pinta e co 1º clasificado de Extremadura, Fundación Pinilla Crespo Bm Caceres 2016.

O equipo carballés medírase o día 2 co CD Delasalle, o día 3 co Bm Caceres 2016 e o día 4 finalizará a súa participación enfrontándose ao anfitrión Universidad de Oviedo

Dos 24 equipos clasificados, repartidos en 6 sectores de 4 equipos cada un, os 6 campións de cada sector conseguirán o premio do ascenso de categoría.


12/04/2008   EXPL. MIN. MORRAZO CANGAS 28 – CALVO XIRIA 32

Expl. Min. Morrazo Cangas (15+13) 28: Cayetano, Rubén (7), Edgar (1), Alberto (1), Durán (8), Adrián (4) e Eduardo (3)  -equipo inicial- David, Santiago (1), Cristóbal, Cristian, Igor, Manuel (2) e Salvador (1).

Calvo Xiria (12+20) 32: Quique, Cuco (2), Bruno (2), Jesús (1), Cristophe, Pablo (7) e Fernando Vázquez (4)  -equipo inicial- Iago, Alex, Sebastián (10), Chimpo (6), Pombo, Dubra e Manuel.

Árbitros: José María García e Antonio Granados. Mal.

O Calvo Xiria conseguiu a clasificación para disputar a fase de ascenso a Primeira Nacional ao derrotar ao Cangas a domicilio na última xornada de liga. Con esta, o Calvo Xiria conclúe o campionato cunha racha de doce vitorias consecutivas.  

A vitoria do Calvo Xiria en Cangas tivo un nome propio: Sebastián. O arxentino entrou en escea na segunda metade e conseguiu reconducir, con 10 goles de 11 lanzamentos, a un Calvo Xiria que naufragaba na cancha polos  seus nervos, a presión e algunha decisión arbitral desacertada. O conxunto de Marcos Rodríguez saltou ao pavillón do Gatañal como o fixera nas dúas últimas xornadas de liga. Inseguro e moi presionado, o Xiria non era quen de impor o seu ritmo de xogo e facilitaba a labor dun Cangas moito máis solto que, amparado na excelente actuación de Cayetano na portería, mandaba no marcador dende o pitido inicial. O Calvo Xiria, pese a todo, aguantaba no partido e era quen de poñerse por diante aos dez minutos (3-5). Un parcial de 4-0 para o Cangas devolvía a vantaxe ao conxunto local que, pouco a pouco, asentaba máis o seu xogo e comezaba a gozar de pequeñas vantaxes no luminoso. O Calvo Xiria non funcionaba en ataque (Bruno non parecía Bruno, Fernando non acertaba dende fóra, Chimpo baixaba o seu rendemento co paso dos minutos, Cuco non recibía, Pablo non era quen de penetrar…) e a defensa non era quen de atallar a dirección de Rubén e a súa conexión co pivote, ademáis da determinación de Adrián. Con estos ingredientes, unidos a un serie de rigorosísimas exclusións para os visitantes nos últimos minutos da primeira metade, o Cangas chegaba ao descanso cunha cómoda renda de tres goles (15-12). 

A situación tornou en case dramática ao principio do segundo tempo. Durán tomaba o mando no ataque do Cangas e daba unha exhibición de lanzamento que poñía aos locais cunha renda de cinco goles (18-13) nos primeiros minutos. Por fortuna para o Calvo Xiria, aí apareceu Sebastián. O arxentino asumía toda a responsabilidade no ataque carballés e comezaba a súa particular exhibición. O lateral anotaba todo o que lanzaba e, ademáis, provocaba unha serie de exclusións aos rivais que propiciaban a remontada do Calvo Xiria. No ecuador do segundo acto, o equipo de Marcos Rodríguez conseguía empatar o partido (22-22). Motivadísimo e cheo de confianza, Sebastián seguía co seu recital e o Xiria, logo de moitos minutos, conseguía poñerse por diante no marcador (22-23). Ademáis, o arxentino aportaba consistencia en defensa e o equipo, en xeral, gañaba tamén en confianza. Co marcador a favor, Pablo comezaba a parecerse a si mesmo e convertíase no perfecto escudero do arxentino. A aportación de Iago na portería, que sustituíra a Quique ao descanso, resultou tamén decisiva para o despegue do Calvo Xiria. Pese a que o marcador chegaba igualado a falta de cinco minutos para o final (26-27), o conxunto carballés mantivo a calma e soubo pechar o partido cun parcial de 2-5. Un paradón de Iago a lanzamento de Alberto dende seis metros resultou decisiva no tramo final. Ao final, catro goles de renda para un Calvo Xiria que xogará por regresar á Primeira Nacional.


11/04/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 18:30 h, no Pavillón de O Gatañal, ao Expl. Mineiras Morrazo Cangas, en encontro pertencente á última xornada de liga en Primeira División Autonómica.

 

Chegou a hora da verdade para o Calvo Xiria, que ten a ocasión de refrendar en Cangas a segunda praza da clasificación e, polo tanto, disputar a fase de ascenso a Primeira Nacional. Preséntase o equipo de Marcos Rodríguez a esta última xornada de liga con só un punto de vantaxe sobre o Seis do Nadal, unha renda que deberá defender puntando fronte ao Cangas. Logo dos últimos partidos, nos que o conxunto carballés sufriu máis da conta, será clave recuperar a confianza e soltar a presión que atenazou aos xogadores fronte a At. Novás e Oleiros. Aínda así, vendo o partido que ambos equipos disputaron na primeira volta (gañou o Xiria de 18 goles) parece unha boa ocasión para poñer a rúbrica final a unha exceñente segunda volta do campionato. Pese a todo, non deberá confiarse o equipo de Marcos Rodríguez fronte a un Cangas que xoga sen ningunha presión e que quererá revancha por ese contundente resultado da ida.

 

O adestrador carballés só mantén a dúbida de Roberto para este partido, aqueixado dun proceso febril por unha infeción de gorxa que lle impediu adestrar martes e xoves. Se o estremo non pode chegar en óptimas condicións ao partido, o seu lugar na convocatoria ocuparíao Dubra, que volvería ao equipo logo dunha lesión que o mantivo apartado das pistas durante catro meses. O resto do plantel está en perfectas condicións para afrontar o partido máis importante dos últimos dous anos.

 

O Calvo Xiria deberá saír mentalizado a xogar o partido e, na medida das súas posibilidades, facelo sen a lóxica presión que sempre ten un choque destas características. O equipo de Marcos Rodríguez deberá impor o seu estilo de xogo, baseado na velocidade nas súas accións de ataque, e non deixar que o Cangas sexa quen marque o ritmo de partido. Se logra desenvolver o xogo que o levou ata a segunda praza da clasificación, terá moito gañado. Precisamente, a vitoria fronte ao Cangas en Carballo abriu unha serie de triunfos consecutivos que o Calvo Xiria pode elevar a doce de gañar no Pavillón de O Gatañal.

 

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Fernando Vázquez, Roberto ou Dubra, Cristophe, Pombo, Manuel, Jesús, Chimpo, Alex e Bruno.

 

 

2ª AUTONÓMICA

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este sábado, ás 20:00 h, no Pavillón do Ensanche, ao Bm. Ferrolterra, en encontro pertencente á primeira do Trofeo Delegación.  Comeza a competición de Copa para un Ifecgás Pereira Xiria que tentará repoñerse do varapao sufrido en liga, coa perda da terceira praza da clasificación na última xornada. O equipo de Juan Manuel Rodríguez parte como favorito ante os ferrolás, un conxunto que rematou a liga en última posición sen conseguir puntuar en ningún partido. Nos duelos precedentes, o Ifecgás Pereira Xiria gañou con comodidade ao seu rival, por 25-42 e 34-15. É fundamental comezar con vitoria nun grupo no que o Pontedeume se perfila como o rival do Xiria por acadar a primeira praza. O resto dos rivais do Ifecgás Pereira que se xogarán unha praza das semifinais de Copa serán o Bm Narón e Bm. Muralla, sexto e oitavo clasificado en liga respectivamente.

 

CADETE FEMININO

O Punta del Este Xiria enfróntase este domingo, ás 12:00 h. no Pavillón Bergantiños, ao BM Camariñas, en partido correspondente á quinta xornada do Trofeo Delegación. Segundo partido de Copa para as carballesas que, logo da derrota sufrida en Narón a semana pasada, tentarán enderezar o rumbo no derbi que lle enfronta ao Camariñas. O choque prevese moi desputado, logo dos enfrontamentos de ambos conxuntos en liga, cunha vitoria para cada un. Curiosamente, o Xiria foi quen de gañar en Camariñas e o Camariñas fixo o propio en Carballo. Confiemos en que non se repita a historia.

 

INFANTIL MASCULINO

O Procasa Xiria enfróntase este sábado, ás 11:30 h., no Pavillón de Tirso, ao Tirso de Molina, en encontro pertencente á primeira xornada do Trofeo Delegación. Debutan os infantís de primeiro ano no torneo de Copa fronte a un rival difícil como o Tirso, que finalizou a liga na terceira posición. Polo visto na competición da regularidade, este partido promete fortes doses de emoción e igualdade, entre dous equipos moi parellos. Nos dous enfrontamentos anteriores houbo un empate en Ferrol (29-29) e vitoria do Tirso pola mínima en Carballo (21-22).

 

INFANTIL FEMININO

O Asesoriá Sueiro Xiria enfróntase este domingo, ás 10:30 h., no Pavillón Bergantiños, ao Bm. Camariñas, en encontro pertencente á primeira xornada do Trofeo Delegación. Segundo partido de Copa para o equipo infantil feminino que, ao igual que o cadete, tentará sobrepoñerse á derrota en Narón cunha vitoria no derbi ante o Camariñas. Non o terán doado as carballesas, que na liga só foron quen de empatar un partido fronte ao rival deste domingo.

 

ALEVÍN E BENXAMÍN

A xornada para os equipos do Xiria complétase coa disputa, o sábado, da oitava xornada do Campionaro Comarcal Alevín e Benxamín Mixto no Pavillón Municipal da Zona Escolar. A xornada comezará ás 10,00 h. En categoría alevín, participan o Caixanova Xiria A, B e C, ademáis do CEIP Bergantiños, CEIP Razo e CEIP Fogar. En categoría benxamín, ademáis dos equipos do Caixanova Xiria A, B e C, xogarán o CEIP Bergantiños, CEIP Cristina e CEIP Fogar.


05/04/2008   CALVO XIRIA 31 – BM OLEIROS 30

Calvo Xiria (14+17) 31: Quique, Cuco, Bruno (5), Roberto (8), Chimpo (3), Pablo (6) e Fernando Vázquez (4)  -equipo inicial- Iago, Alex (2), Sebastián (2), Cristophe (1), Pombo, Jesús e Manuel.
Bm Oleiros (13+17) 30: Manuel, Merino (7), David Rodríguez (2), Francisco (3), David Fernández (6), Oscar (1) e José Ramón (5) -equipo inicial- Samuel, Daniel, Miguel (5), José Luis, Adrián (1), Santos, Abel e Pablo.
Árbitros: Manuel Currás e Francisco Soliño. Mal e cunha falta de compenetración absoluta.

O Calvo Xiria gonseguiu a súa décimo primeira vitoria consecutiva en liga ao derrotar ao Balonmán Oleiros en Carballo, un trunfo que o deixa a un paso da promoción de ascenso a 1ª Estatal.

Volveu sufrir o Calvo Xiria -unha vez máis- para doblegar a un Oleiros que a piques estivo de dar a sorpresa en Carballo. O equipo de Marcos Rodríguez volveu amosar os defetos que xa puxera de manifesto no Rosal hai sete días e confirmou que a presión estalle a xogar unha mala pasada na fase decisiva do campionato. Pese a todo, os puntos quedaron na casa e só queda rematar a faena para poder xogar a fase de ascenso. O Bm Oleiros soubo impor o seu ritrmo pausado de xogo e nunca permitiu coller ao Calvo Xiria grandes diferenzas no marcador. De feito, os visitantes foron por diante durante moitos minutos do primeiro acto e, só ao final, puido o Calvo Xiria voltear o resultado para irse ao descanso con vantaxe dun gol (14-13). Os carballeses, moi brandos en defensa, sobrevivían en ataque grazas ao acerto e pundonor de Roberto, o xogador mais destacado dos carballeses. O equipo de Geno soubo parar o xogo, non deixar correr ao Calvo Xiria e, sen grandes alardes en ataque, conseguia meter o medo no corpo aos locais. 

A tónica do partido non cambio una reanudación, e o intercambio de golpes de un e outro aventuraba un novo final de infarto para o Calvo Xiria. Pese á pequena melloría experimentada en defensa, grazas á presenza de Álex, o Calvo Xiria seguía demasiado impreciso en ataque. O Oleiros seguía sen presa e sabía xogar cos nervios dos carballeses, sen atopar apenas problemas para manterse no partido. Pero mediada a reanudación, e grazas a unha dobre exclusión dos visitantes, o Calvo Xiria conseguía abrir unha pequena brecha de tres goles que lle daban un plus de tranquilidade á hora de afrontar os seus ataques. Bruno e Pablo tomaban o relevo de Roberto e conseguían facer goles con facilidade para desatascar a ofensiva local. Con rendas de dous e tres goles xogaba o Calvo Xiria ata os últimos cinco minutos de partido, onde unha reacción do Oleiros deixaba a resolución do partido para os últimos segundos. Roberto, que levaba todo o partido sem errar, dispuña dun penalti en inferioridade para que o Calvo Xiria se fora de dous goles a falta de dous minutos para o remate do choque. O estremo carballés estrelaba o balón na madeira e daba a opción ao empate do Oleiros. Os visitantes, tamén desde o punto de penalti, atopabanse con Quique pero, no rexeite, forzaban unha nova pena máxima que non desaproveitaría Miguel (30-30) Así se entraba no último minuto de partido. E aí apareceu Sebastián para, con aviso de pasivo, marcar um golazo desde dez metros que poñía ao Calvo Xiria por diante (31-30) Restaban poucos segundos e o Oleiros gozou dun último ataque para empatar o partido. Con dous xogadores mais sobre a pista, o conxunto de Geno non soubo xogar o último ataque e optou por um lanzamento lonxano de Merino que rexeitaba Iago sen problemas. Co lanzamento morria um partido moi tenso, onde hai que salientar o esforzo e xogo dun Oleiros que soubo como meterlle man ao Calvo Xiria.


04/04/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 17:00 h, no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao BM Oleiros, en encontro pertencente á vixésimo quinta xornada de liga en Primeira División Autonómica.

 

Penúltimo choque ligueiro para un Calvo Xiria que está obrigado a gañar para conservar a segunda praza da clasificación. O equipo de Marcos Rodríguez non debería ter problemas para doblegar a un Oleiros ao que xa foi quen de derrotar na primeira volta a domicilio. Non debería, eso si, fiarse o conxunto carballés. O Oleiros chega a Carballo co obxectivo da permanencia conseguido e completando unha gran temporada que o mantivo nos postos de honra no primeiro tramo de campionato. Aínda así, e polo que uns e outros se xogan, a vitoria debería quedar na casa. O factor cancha, como durante toda a temporada, ten que ser determinante para que o Calvo Xiria sume dous novos puntos que o deixen a un so paso da promoción de ascenso. Iso, contando coa vitoria do Seis do Nadal. Se o conxunto olívico non é quen de derrotar ao domicilio ao Lalín, e se o Xiria gaña ao Oleiros, o equipo de Marcos Rodríguez lograría a clasificación para a promoción de ascenso á falta da última xornada por xogar.

 

O adestrador carballés conta con toda a plantilla á súa disposición para afrontar esta nova final, incluído Dubra. O estremo comezou a adestrar esta semana, logo de superar a lesión nun xemelgo que o tivo afastado das pistas durante case catro meses. De todas formas, Marcos deixará a Dubra fóra da convocatoria e contará cos catorce xogadores que tan ben o están a facer durante a segunda volta do campionato. Ao carballés aínda lle faltan varias sesións para poñerse ao nivel físico dos seus compañeiros.

 

O xogo habitual de Calvo Xiria e Oleiros dista moito de parecerse. Os de Carballo optan pola rapidez nas súas accións, mentres que os coruñeses prefiren xogar máis pausados, controlando o tempo do partido. Na primeira volta, eso si, o Oleiros tentou sorprender ao Xiria cun xogo veloz e áxil, se ben os carballesessouberon reaccionar e acabaron remontando o partido. O Calvo Xiria deberá templar máis os nervios que como fixo en O Rosal, onde sentiu a presión de ter que gañar si ou si. A leción debe estar aprendida para un conxunto que, se funciona como o ben facendo na casa, non debería deixar escapar a oportunidade de sumar os dous puntos.

 

 

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Roberto, Fernando Vázquez, Cristophe, Pombo, Manuel, Jesús, Chimpo, Alex e Bruno.

 

2ª AUTONÓMICA

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este sábado, ás 19:00 h, no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao Caixanova OAR, en encontro pertencente á última xornada de liga en Segunda División Autonómica. Carballeses e coruñeses xóganse no último partido a terceira praza da clasificación, que dá dereito a xogar a fase de ascenso. O empate xa non lle vale aos carballeses tras a decisión do mércores do Comité de Competición de expulsar da competición ao Riveira e anular todos os resultados dos enfrontamentos contra o cadro do Barbanza. Con isto as cousas están co Ifecgás Pereira Xiria na terceira posición igualado a puntos co Viveiro e con un punto de vantaxe sobre o OAR. O partido promete fortes sensacións e servirá para calibrar o verdadeiro potencial dos carballeses. O equipo de Juan Manuel Rodríguez ten a oportunidade de poñer a guinda a unha boa temporada e, na súa estrea, xogar a fase de ascenso a Primeira. Non o terá doado o Ifecgás Pereira Xiria fronte a un equipo, o OAR, que xa foi quen de gañar na primeira volta por 38-36. Hai que destacar a presencia, nas filas coruñesas, do ex do Xiria, Mario, un deses xogadores que poden marcar as diferenzas nun encontro deste tipo.

 

CADETE FEMININO

O Punta del Este Xiria enfróntase este sábado, ás 12:15 h. no Pavillón da Gándara, ao Bm Narón, en partido correspondente á cuarta xornada do Trofeo Delegación Territorial. Debuta o conxunto carballés no torneo de Copa e faino coa disputa da cuarta xornada, logo de ter aprazados os dous partidos da primeira volta. O Punta del Este Xiria parte con poucas opcións de sorprender ao Narón, que se levou a liga gañando todos os partidos con moita comodidade. O obxectivo das carballesas será o de mellorar as súas prestacións e crecer pouco a pouco no seu xogo, ademais de tentar plantarlle cara ao máximo favorito da competición. No torneo de liga, o Narón dobregou ao Xiria nos seus dous enfrontamentos, cos claros marcadores de 9-29 e 34-10.

 

INFANTIL MASCULINO

O Procasa Xiria enfróntase este domingo, ás 12:00 h. no Pavillón Bergantiños, ao Tirso de Molina, en partido correspondente á décimo cuarta xornada de liga. Remata a súa participación na liga o Procasa Xiria, co obxectivo de auparse á terceira praza da clasificación, que ocupa na actualidade o seu rival. Ambos conxuntos están empatados a 15 puntos e os de Fernando Vázquez teñen unha boa ocasión para despedir o campionato con virtoria e encaramarse á terceira praza, por detrás do Ifecgás Pereira Xiria. Enfróntanse dous equipos moi igualados, como quedou de manifesto na primeira volta. Por aquel entón, Xiria e Tirso empataron a 29 goles no partido disputado en Ferrol.

 

INFANTIL FEMININO

O Asesoría Sueiro Xiria enfróntase este sábado, ás 10:30 h. no Pavillón da Gándara, ao Bm Narón, en partido correspondente á cuarta xornada do Trofeo Delegación Territorial. Ao igual que na categoría cadete, debuta o conxunto carballés no torneo de Copa coa disputa da cuarta xornada. Poucas opcións de vitoria tamén para o equipo infantil, que no campionato de liga tamén sucumbiu á superioridade do Narón con marcadores de 9-23 e 16-8. 


29/03/2008   MECALIA AT. NOVÁS 33 – CALVO XIRIA 34

Mecalia At. Novás (16+17) 33: Santiago, Paulo (1), Manuel (1), Vicente (2), Benigno (1), Noé (5) e Yago (5) -equipo inicial- Adrián, Marcos (7), Cristian, Óscar, Esteban, Martínez e Pablo (11).
Calvo Xiria (20+14) 34: Quique, Cuco (4), Bruno (5), Roberto (4), Cristophe, Pablo (7) e Fernando Vázquez (6)  -equipo inicial- Iago, Alex (1), Sebastián (2), Pombo (2), Chimpo (2), Jesús (1) e Manuel.
Árbitros: Iván Meijide e Abel Chapero. Ben. Permitiron o contacto en defensa, situación que non aproveitaron nin At. Novás nin Calvo Xiria.

O Calvo Xiria gonseguiu a súa décima vitoria consecutiva en liga ao derrotar ao At. Novás a domicilio nun choque no que os de Carballo pasaron máis apuros dos inicialmente previstos. Un gol de Roberto no último suspiro do partido permitiu aos verdibrancos sumar dous puntos que lles fan conservar a segunda praza á falta de tan só dúas xornadas para o remate da liga. O Calvo Xiria xogará a fase de promoción de ascenso se consegue sumar tres dos catro puntos en xogo, independientemente do que faga o Seis do Nadal.

Comezou ben o Calvo Xiria o partido, sobre todo en ataque. A rápida circulación de balón favorecía que tanto Bruno como Roberto finalizaran con éxito a meirande parte dos ataques dos carballeses. Só a pasividade defensiva dos verdibrancos permitía que o At. Novás non se fora do partido, pese a xogar sempre con desvantaxes de 3 e 4 goles. Co paso dos minutos, o Calvo Xiria foi quedando orfo de ideas en ataque e, curiosamente, o At. Novás conseguía poñerse a un gol do Xiria cun parcial de 3-0 cando xogaba en inferioridade numérica (15-16). O equipo de Marcos Rodríguez soubo endereitar a situación e, cun parcial de 1-4 nos últimos cinco minutos da primeira parte, conseguía chegar ao descanso cunha renda de catro goles (16-20). En nada se parecía o Calvo Xiria ao equipo que pasara por enriba do Seis do Nadal hai quince días e o xogo exhibido polos carballeses xeraba dúbedas cara á segunda metade. A indolencia defensiva, unida ao desacerto no ataque no último tramo do primeiro acto, non invitaban ao optimismo de cara á reanudación. O At. Novás, con só a aportación en ataque de Marcos e Pablo, bastábase para meterlle o medo no corpo ao Calvo Xiria. 

As sensacións que dera o Calvo Xiria na primeira metade confirmabanse na reanudación. O coxunto carballés non era quen de axustar a defensa e o At. Novás atopaba moitas facilidades para marcar. Só o acerto de Fernando Vázquez nos primeiros minutos da segunda metade permitía ao Xiria manter certa tranquilidade no marcador, con rendas de tres e catro goles. E así foi ata que, cun parcial de 4-0, o At. Novás conseguía poñerse por diante con dez minutos por xogar (30-29). A lesión de Sebastián (que con dous goles consecutivos parecía ser a solución no ataque do Xiria), o desacerto de Chimpo no lanzamento, o cansanzo de Pablo, a falta de balóns aos estremos e, sobre todo, a nula defensa, provocaron unha situación de nervios nas filas dos carballeses, que puideron tirar por terra todo o traballo realizado na segunda volta. Os dez últimos minutos foron de infarto. Se ao Calvo Xiria se lle notaba en exceso a presión de ter que gañar o partido, ao At. Novás tamén lle podía a presión de vencer nun partido importantísimo para salvar directamente a categoría.  O parcial de 3-4 nos últimos dez minutos fala ben ás claras do desacerto e nervios de ambos conxuntos nos minutos decisivos. Por fortuna para o Calvo Xiria, nesa fase do choque apareceu Iago quen, con varias paradas, abortaba as posibilidades de vitoria do At. Novás. Con once segundos por xogar, e co marcador empatado, o adestrador do Calvo Xiria pediu un tempo morto que deu como resultado o gol de Roberto a tres segundos do final. Un feliz desenlace de partido para un Calvo Xiria que sufriu máis do esperado na pista do antepenúltimo clasificado. Unha boa pedra de toque para afrontar os dous últimos partidos de liga ante Oleiros e Cangas. Só se os de Marcos Rodríguez están ao 100% poderán cantar a súa participación na fase de ascenso.


28/03/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 16:45 h, no Pavillón Municipal do Rosal, ao Mecalia At. Novás, en encontro pertencente á vixésimo cuarta xornada de liga en Primeira División Autonómica.

 

Primeira final das tres que lle quedan ao Calvo Xiria para asegurar a segunda praza da clasificación e xogar a fase de promoción de ascenso a 1ª Estatal. O conxunto carballés enfróntase ao antepenúltimo clasificado, o At. Novás, coa intención de sumar a súa décima vitoria consecutiva e dar un paso de xigante cara ao obxectivo da promoción. Calvo Xiria e At. Novás enfrontáronse tres veces esta temporada e nas tres ocasións o equipo de Marcos Rodríguez logrou vencer de forma cómoda e abultada. Tendo como referencia estes resultados, ademais da traxectoria de ambos conxuntos nas últimas semanas, o calvo Xiria parte como claro favorito para alzarse co triunfo.

 

O adestrador carballés non conta con ningunha baixa para o partido deste sábado, agás a xa consabida de Dubra, aínda en fase de recuperación desa rotura de fibras nun xemelgo. Toda a plantilla adestrou con normalidade durante a semana, unha moi boa nova á hora de afrontar un dos choques máis importantes do ano.

 

O Calvo Xiria non deberá relaxarse de cara a este partido, ante un rival que necesita os puntos para tentar salvar a categoría. Os de Marcos Rodríguez deben tomar como referencia o último choque contra o Seis do Nadal e xogar mentalizados e concentrados os sesenta minutos de partido. De manter o nivel dese partido, o Calvo Xiria non debería ter problemas para sumar dous puntos vitais na loita por defender a segunda praza. Este pode ser, quizais, o choque máis importante do ano. Ben pola proximidade, o feito de xogar fóra da casa ou pola necesidade do rival, o Calvo Xiria non debe fiarse dun choque que pode ser catalogado como “trampa”. É hora de que os carballeses confirmen o seu excelente momento cun triunfo que os achegaría moito á disputa da fase de promoción de ascenso.

 

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Roberto, Fernando Vázquez, Cristophe, Pombo, Manuel, Jesús, Chimpo, Alex e Bruno.

 

2ª AUTONÓMICA

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este sábado, ás 18:30 h, no Pavillón Campo da Serra, ao Tecnifont BM. Narón, en encontro pertencente á vixésimo primeira xornada de liga en Segunda División Autonómica. Decisivo encontro para os intereses do Ifecgás Pereira Xiria de rematar a liga entre os tres primeiros clasificados. O equipo de Juan Manuel Rodríguez enfróntase ao sexto clasificado coa intención de defender a terceira praza da clasificación, á espera da última xornada de liga, na que Xiria e OAR, presumiblemente, se xogarán esa terceira praza en Carballo. A boa segunda volta dos carballeses fai ser optimistas de cara a este partido, se ben non o terá doado o conxunto de Juan Manuel Rodríguez. Na primeira volta, o Ifecgás Pereira Xiria impúxose ao Bm. Narón por un axustado 28-27.

 

XUVENIL MASCULINO

O Garaysa Xiria disputa esta fin de semana, no Estadio da Xuventude de Pontevedra e no Pavillón Municipal de Pontevedra, a primeira fase do Campionato Galego. Os carballeses mediranse ao Lalín (venres, 18:30 h.), Cinse (sábado, 16:00 h.) e Teucro (domingo, 12:00 h.). Difícil papeleta para o Garaysa Xiria a de tentar meterse entre os dous primeiros clasificados para disputar a fase final do Campionato Galego. O equipo de Marcos Rodríguez viaxa moi mermado de efectivos e sen porteiros, unha circunstancia que non fai albergar moito optimismo entre a expedición carballesa. Se a esto unimos o irregular nivel amosado durante a liga, o Garaysa Xiria vai ter moi complicado (ou case imposible) poder rematar nunha desas dúas prazas que dan dereito a xogar a fase final.

 

CADETE MASCULINO

O OAK English Centre Xiria enfróntase este sábado, ás 12:00 h. no Pavillón Bergantiños, ao Caixanova OAR, en partido correspondente á décimo cuarta xornada de liga. Conclúe o campionato para o equipo de Juan Manuel Rodríguez, que buscará unha vitoria para igualar a puntos co OAR na segunda praza da clasificación. O choque antóxase moi complicado para os carballeses, que na primeira volta saíron derrotados da súa visita a Coruña por un incontestable 41-28. Para acadar a 2ª praza e calsificarse para a Fase Final Galega os de Carballo deberían superar esta diferenza.

 

INFANTIL MASCULINO

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este sábado, ás 10:30 h., no Pavillón Bergantiños, ao Caixanova OAR, en encontro pertencente á décimo cuarta xornada do Campionato Provincial. Última xornada de liga para os carballeses, que teñen na súa man conseguir o título. O Ifecgás Pereira Xiria chega a este partido logo de gañar todo o que xogou, e tentará poñer o broche de ouro a súa magnífica traxectoria cunha vitoria fronte ao segundo clasificado. O OAR chega a Carballo con só unha derrota, precisamente a que sufriu na primeira volta de man do Ifecgás Pereira Xiria, por un contundente 36-45. Incluso Ifecgás Pereira podería permitirse unha derrota por menos de sos 9 tantos de diferenza para ser campión.

 

ALEVÍN E BENXAMÍN

A xornada para os equipos do Xiria complétase coa disputa, o sábado, da sétima xornada do Campionaro Comarcal Alevín e Benxamín Mixto no Pavillón Municipal da Zona Escolar. A xornada comezará ás 10,00 h. En categoría alevín, participan o Caixanova Xiria A, B e C, ademáis do CEIP Bergantiños, CEIP Razo e CEIP Fogar. En categoría benxamín, ademáis dos equipos do Caixanova Xiria A, B e C, xogarán o CEIP Bergantiños, CEIP Cristina e CEIP Fogar.


27/03/2008

FASE DE ASCENSO A 1ª ESTATAL

 
A área de competición da Real Federación Española de Balonmano ven de concederlle á Federación Galega de Balonmán un incremento, nunha praza máis, no número de equipos que disputarán a Fase de Ascenso a 1ª División Estatal, co cal serán finalmente dous os equipos de 1ª Autonómica que disputen a dita fase. Un deles será a SAR de Redondela, que xa é campión e xa está clasificado matemáticamente, e o outro será ou ben o Calvo Xiria ou ben o Seis do Nadal,  únicos equipos con opcións matemáticas a falta de tres xornadas para o remate da competición. A falta desas tres xornadas os de Carballo parten cunha lixieira vantaxe de un punto sobre o conxunto olívico.

26/03/2008

FASE AUTONÓMICA CAMP. TERRITORIAL XUVENIL MASCULINO

 

Dificil papeleta para o Garaysa Xiria na Fase Autonómica Xuvenil. Á xa sabida dificultade de enfrontarse aos equipos da territorial sur, motivada tanto pola calidade destes conxuntos como polo seu maior nivel competitivo con respecto aos equipos da territorial norte, engádeselle a falta de efectivos cos que contará o equipo de Marcos Rodríguez, quen tan só poderá utilizar a 10 ou 11 xogadores debido a que tres dos compoñentes do equipo abandoaron recentemente o seo do club por motivos disciplinarios. Ademais o cadro carballés contará con outro handicap engadido moi importante como é a ausencia, por motivos acádemicos, de Álex Naya, o único gardameta do equipo, e está no aire a participación de Diego Puente que é dúbida por compromisos laborais. A baixa de Naya obrigará ao técnico carballés a utilizar a algún dos xogadores de campo como porteiro.

A listaxe de xogadores que Marcos Rodríguez desprazará a Pontevedra é a seguinte: Iván Amarelle, Néstor Calviño, Diego López, Ramón Suárez-Pumariega, Óscar Aldao, Andrés Queijo, Alberto Pombo, David Botana, Diego Puente (dúbida) e os xogadores cadetes Álex Zas e Dani Barreiro.


17/03/2008

CONVOCATORIA SELECCIÓN GALEGA INFANTIL MASCULINA

 

Ás xa coñecidas convocatorias de David García e Miguel Suárez-Pumariega, do Ifecgás Pereira Xiria, para participar coa Selección Galega Infantil Masculina na Concentración de Primaveira do Programa Nacional de Tecnificación Deportiva da Real Federación Española de Balonmán (Detección de Talentos), únese agora a de Jorge Bouzas, do Procasa Xiria, que será un dos catro infantís de primeiro ano que participen nestas actividades que se desenvolveran en Lugo do 21 ao 23 de marzo.


15/03/2008   CALVO XIRIA 34 – MAGOPE SEIS DO NADAL 25

Calvo Xiria (16+18) 34: Quique, Pablo (4), Cuco (5), Roberto (6), Fernando Vázquez (3), Cristophe (2) e Bruno (4) –equipo inicial- Iago, Sebastián (3), Chimpo (7), Pombo, Álex, Jesús e Manuel.
Magope Seis do Nadal (12+13) 25: Nani, Simón (1), Alejandro (1), Denís (3), Joserra (3), Zambra (1) e Marcos (3) -equipo inicial- David, Miguel (6), Samu (3), Alex (2), Pablo (2), Andrés e Rebolo.
Árbitros: Marcos Pérez e Vanesa Pérez. Os colexiados amosaron personalidade pero non foi unha boa arbitraxe, con erros claros para uns e outros. Non influíron no resultado final.

O Calvo Xiria tampouco atopou resistencia no Seis do Nadal e deu un paso importantísimo para poder xogar a promoción de ascenso a Primeira Nacional. O equipo de Marcos Rodríguez encarámase á segunda posición da tabla clasificatoria, ao conseguir o seu noveno triunfo consecutivo, e xa depende de si mesmo para acadar o subcampionato.

O duelo entre segundo e terceiro clasificado, coa promoción de ascenso en xogo, non defraudou. Os dous adestradores poñían en liza os seus setes de gala para afrontar o partido máis importante do ano, nun pavillón carballés que respondía á cita coa mellor entrada da temporada. A igualdade reinou durante toda a primeira parte. Ambos conxuntos alternaban pequenos parciais que impedían o despegue de ningún no marcador. Quique e Nani, nas dúas porterías, asumían bastante protagonismo nuns minutos iniciais no que a tensión se palpaba en cada xogada. Foi o conxunto de Marcos Rodríguez o primeiro en golpear e, grazas á defensa sobre a primeira liña olívica, conseguía adquirir rendas que oscilaban entre os dous e tres goles. Un par de exclusións consecutivas dos locais propiciaban a reacción dun Seis do Nadal que, grazas á aportación fundamentalmente dos estremos, conseguía deixar o marcador nun 13-12 con cinco minutos por xogar. O Calvo Xiria volveu apretar o acelerador e, cun parcial de 3-0, deixaba o definitivo 16-12 co que se chegaba ao descanso. A boa defensa sobre Zambra restaba ideas a un Seis do Nadal que, pese a todo, soubera aguantar as embestidas do Xiria para seguir tendo opcións ao triunfo. A aportación de Quique e Cuco volvía ser decisiva nunha primeira parte moi intensa e na que o equipo de Marcos Rodríguez volvía dar unha mostra de madurez importante, pese á xuventude da súa plantilla.

Tres goles case consecutivos de Fernando Vázquez, que errara os seus catro lanzamentos na primeira metade, comezaron a desnivelar a balanza a favor do Calvo Xiria na reanudación. Os carballeses foron incrementando pouco a pouco as diferenzas no marcador fronte a un Seis do Nadal no que Zambra seguía sen aparecer. Só Miguel, dende o estremo, daba sensación de perigo para o conxunto olívico. A boa defensa sobre a primeira liña rival permitía ao Calvo Xiria seguir correndo e, mediada a segunda parte, xa contaba cunha renda de seis goles (25-19) e a sensación de que ía ser moi difícil que lle arrebataran o triunfo. A concentración dos locais, intensos durante os sesenta minutos, daba poucas opcións a un Seis do Nadal no que o seu máximo estilete ofensivo, Zambra, marcaba o seu único gol a dez minutos para o final. Para entón, a renda do Calvo Xiria ascendía xa aos sete goles (27-20). O Seis do Nadal, aproveitando un par de exclusións dos locais, fixo un intento de aproximación cunha defensa presionante a toda cancha. Os visitantes chegaron a poñerse a cinco goles, pero todo quedou nunha simple anécdota. O Calvo Xiria soubo refacerse e volveu coller rendas superiores aos seis goles que lle fixeron xogar con máis tranquilidade os últimos minutos. Dúas exclusións consecutivas a Rebolo e Joserra, este por protestar, permitiron aos de Marcos Rodríguez incrementar a diferenza ata o 34-25 final. Sería inxusto destacar a un so xogador nas filas do Calvo Xiria. O equipo, desta vez, funcionou como tal. Todos os xogadores que participaron tiveron protagonismo na vitoria final. Dende as paradas de Quique ata a determinación que amosaron Chimpo e Roberto. A eficacia de Bruno, a dirección de Pablo, a defensa de Cuco e Cristophe ou a importancia dos tres goles de Sebastián na segunda parte. Todos sumaron, incluído o banquillo, para lograr un triunfo que pon a fase de promoción de ascenso a tiro. Quedan tres finais para que, definitivamente, o Calvo Xiria confirme o seu novo grao de xogo e madurez.


14/03/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 17:00 h, no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao Magope Seis do Nadal, en encontro pertencente á vixésimo terceira xornada de liga en Primeira Autonómica.

O Calvo Xiria ten ante si a posibilidade de arrebatar a segunda praza da clasificación ao Seis do Nadal, no encontro que enfrenta a ambos equipos esta fin de semana en Carballo. As inesperadas derrotas do conxunto olívico fronte a Cangas e Cisne, unido á impecable racha de oito partidos consecutivos sen perder dos carballeses, levaron á liga a unha situación case dramática na loita pola promoción de ascenso. Coa SAR co título no peto, falta por decidir quen acompañará aos de Redondela a xogar a fase de promoción de ascenso. O Seis do Nadal é actualmente segundo, se ben o Calvo Xiria conseguiu recurtar unha diferenza de sete puntos para estar, na actualidade, a un so punto dos de Vigo. Unha vitoria local auparía aos de Marcos Rodríguez á segunda praza, e dependerían de si mesmos para xogar polo ascenso, sempre e cando a Real Federación Española de Balonmano conceda dúas prazas á Federación Galega como na pasada campaña, nunhas tres últimas xornadas de liga que se prevén de infarto.

O adestrador do Calvo Xiria poderá contar con todos os seus efectivos, agás Dubra, para recibir ao Seis do Nadal. Chimpo conseguiu recuperarse da escordedura de nocello que lle impediu xogar o derbi co Camariñas, mentres que Sebastián tamén adestrou con normalidade logo dos problemas do abductor da pasada semana. Boas noticias para un Calvo Xiria que necesitará a aportación de todos os xogadores para tentar auparse á segunda posición.

Calvo Xiria e Seis do Nadal chegan a este decisivo partido en situacións ben distintas. Mentres que os carballeses parecen imbatibles neste último tramo de liga, os olívicos non atravesan un bo momento e deixaron escapar unha renda que hai poucas semanas parecía definitiva. O aspecto moral tamén xoga a favor do Xiria, espoleado por eses oito triunfos consecutivos e a sensación de fortaleza que lle dá xogar no Pavillón Municipal da Zona Escolar. Como local, o Calvo Xiria só deixou escapar dous puntos esta temporada, no partido que lle enfrontou á SAR de Redondela. Emoción e tensión non faltará nun partido de máxima trascendencia, con dous equipos amantes do xogo de ataque e da velocidade nas súas accións. Se xogadores como Quique, Pablo, Cuco ou Bruno están ao nivel dos últimos partidos, a vitoria debería quedarse na casa. A afección xogará un papel determinante no choque, para o que se agarda unha moi boa entrada no recinto carballés.

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Fernando Vázquez, Cristophe, Pombo, Chimpo, Roberto, Alex, Bruno, Jesús e Manuel.

 

 

XUVENIL MASCULINO

O Garaysa Xiria enfróntase este sábado, ás 16:15 h, no Pavillón do Colexio Tirso en Ferrol, ao Tirso de Molina, en encontro pertencente á décima  xornada do Campionato Territorial. Intrascendente último partido de liga para os de Marcos Rodríguez, fronte ao último clasificado na competición. O Garaysa Xiria finalizará a competición regular na segunda praza e, co billete xa “comprado” para a disputa do Campionato Galego, o choque debería servir para probar cousas de cara a esa cita. A diferenza entre os dous equipos debería decantar a balanza a favor dun Xiria que, pese a todo, non debería fiarse fronte ao único equipo que foi quen de derrotalo na Copa.

 

INFANTIL MASCULINO 

O Procasa Xiria enfróntase este luns, en horario por confirmar e no Pavillón San Francisco Xabier da Coruña, ao Caixanova OAR, en partido correspondente á décimo terceira xornada do Campionato Provincial. Difícil partido para o equipo de Fernando Vázquez, fronte ao segundo clasificado da liga. O conxunto coruñés está a realizar unha moi boa campaña e semella ser un equipo superior ao resto a excepción do Ifecgás Pereira Xiria, o equipo de segundo ano do Xiria, que aínda non coñece a derrota, e de precisamente o rival neste choque. O Procasa Xiria tentará poñerlle as cousas difíciles a un conxunto que xa conseguiu gañar na primeira volta en Carballo (21-43).


08/03/2008   CONSERVAS BOYA CAMARIÑAS 30 – CALVO XIRIA 33

Conservas Boya Camariñas (11+19) 30: Lalá, Alan (4), Felipe (2), Quin (1), Nesterov (1), Borja (10) e Fabián (6) -equipo inicial- Cristian, Carlos, Adrián, Moncho, Alberto (6) e Anxo.
Calvo Xiria (20+13) 33: Quique, Cuco (9), Bruno (4), Roberto (1), Cristophe (5), Pablo (10) e Fernando Vázquez  -equipo inicial- Iago, Alex, Sebastián, Pombo (2), Jesús (2) e Manuel.
Árbitros: Angélica Comesaña e Tatiana González. Mala arbitraxe para os dous conxuntos. Non influíron no resultado final.

O Calvo Xiria gonseguiu a súa oitava vitoria consecutiva en liga ao derrotar no derbi ao Camariñas no pavillón da Ponte do Porto. O trunfo ten un valor engadido, xa que o equipo de Marcos Rodríguez depende de si mesmo para conseguir a segunda praza da clasificación que podería dar dereito a disputar a fase de ascenso a Primeira Estatal, logo da derrota do Seis do Nadal fronte ao Cisne. O vindeiro sábado, en Carballo, o Calvo Xiria recibe ao conxunto olívico coa intención de encaramarse á segunda praza da clasificación en Primeira Autonómica. 

O derbi entre Calvo Xiria e Camariñas respondeu ao guión previsto neste tipo de encontros. Comezou mellor o equipo de Toni García e, cun parcial de 3-0, lograba sorprender de inicio a un impreciso Xiria. Os visitantes foron pouco a pouco soltándose en ataque e, grazas á estratosférica actuación de Quique na portería, conseguían devolver a igualdade ao marcador a mediados do primeiro acto. A expulsión do local Quin, ao encararse cun sector do público visitante, foi un xerro de auga fría para os locais, que viron como o Calvo Xiria conseguía adquirir rendas importantes no marcador ata o 11-20 co que se chegaba ao descanso. As paradas de Quique (13 na primeira metade e 21 en todo o partido), a aportación de Cuco en ataque (7 goles na primeira parte) e a defensa de Fernando Vázquez sobre Nesterov (só un gol no partido) bastábanlle aos de Marcos Rodríguez para, case, sentenciar o partido con toda a segunda parte por xogar. 

A saída en tromba do Calvo Xiria na reanudación, cun parcial de 0-3, non facía presaxiar o que foi o desenlace do partido. Con doce goles de renda (11-23), Marcos Rodríguez optou por rotar o banquillo e aí comezou a reacción do Camariñas. A saída da pista de Pablo e Cuco deixou orfo de ideas ao Calvo Xiria en ataque e, pouco a pouco, os de Toni García conseguían pequenos parciais que espertaban ao público e levantaban a moral dos xogadores. Borja botábase o equipo ás costas e lideraba unha reacción que, de non ser polas intervencións de Quique nos últimos minutos, puido culminar en remontada heróica. O Calvo Xiria soubo manter a cabeza fría nos instantes finais e un gol de Jesús e unha exclusión de Nesterov, que lle sacou Roberto, terminaron por decantar a balanza para os de Marcos Rodríguez. A baixa de última hora de Chimpo, cunha escordedura no nocello, restou potencial ofensivo a un Xiria nos momentos finais. Xusto é destacar a casta do Camariñas que, co partido prácticamente perdido, rexurdiu das súas cinzas e a punto estivo de lograr unha remontada espectacular. Xogando como o fixo na segunda parte, debería asegurar a súa permanencia canto antes. Polo que respeita ao Calvo Xiria, deberá recapacitar en torno ao porqué do baixón da segunda metade, se quere gañar os catro partidos que lle restan e, polo tanto, conseguir o subcampionato ligueiro. 


07/03/2008

 

1ª AUTONÓMICA

O Calvo Xiria enfróntase este sábado, ás 18:30 h, no Pavillón da Ponte do Porto, ao Conservas Boya Camariñas, en encontro pertencente á vixésimo segunda xornada de liga en Primeira División Autonómica.

 

Chega o derbi co Camariñas nun momento clave de temporada para o Calvo Xiria. O equipo de Marcos Rodríguez afronta un partido trascendental nas súas aspiracións de dar caza ao Seis do Nadal na segunda praza da clasificación, logo da derrota do equipo olívico a semana pasada. Tendo en conta que o Seis do Nadal visitará Carballo a próxima semana, non lle vale outro resultado aos carballeses que non sexa a vitoria fronte ao Camariñas. Un partido que, pese a o que dite a clasificación, non será doado para o Calvo Xiria. O derbi sempre se caracteriza pola tensión e igualdade e, a bo seguro, o equipo adestrado por Toni García non lle porá as cousas doadas aos carballeses. Aínda así, o Calvo Xiria parte como favorito para sumar os dous puntos en xogo, e máis vendo a excepcional racha dos de Marcos Rodríguez, que teñen ante si a posibilidade de sumar a súa oitava vitoria consecutiva.

 

O adestrador carballés, ademais, conta con toda a plantilla en perfectas condicións para visitar ao Camariñas, agás Dubra. O estremo segue en fase de recuperación da súa rotura de fibras nun xemelgo e aínda non comezou a adestrar. Dubra realizaou esta semana diferentes probas para saber o seu estado e, afortunadamente, confirmouse que non ten o tendón roto, unha posibilidade coa que se especulara ante a lentitude do proceso de recuperación. Outra boa nova é que Marcos Rodríguez recupera a Roberto para o derbi, logo de perderse o partido fronte ao Ribeiro por unha infección de gorxa. Ademais, Sebastián recuperouse dun problema nun abductor e Cuco adestrou con normalidade nos últimos días, logo de padecer un proceso gripal a principios de semana.

 

O Camariñas chega ao derbi logo de perder co Cisne a pasada fin de semana e mantén só dous puntos de vantaxe sobre o antepenúltimo clasificado. Unha situación que o fai aínda máis perigoso, pola necesidade que ten de puntuar para garantizar canto antes a súa continuidade na Primeira Autonómica. O partido xogarase na Ponte do Porto por mor da sanción de dous encontros imposta ao club camariñán. O ano pasado, o Calvo Xiria xa fora quen de derrotar ao Camariñas no mesmo escenario. No enfrontamento entre ambos esta temporada, os de Marcos Rodríguez conseguiron dobregar aos de Toni García en Carballo por 44-31, nun partido no que o Camariñas se queixou moito da arbitraxe. Polémica tampouco faltará, seguro, no derbi que ambos conxuntos disputarán este sábado.

 

CONVOCATORIA: Quique, Iago, Cuco, Pablo, Sebastián, Roberto, Fernando Vázquez, Cristophe, Pombo, Manuel, Jesús, Chimpo, Alex e Bruno.

 

2ª AUTONÓMICA

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este domingo, ás 12:00 h, no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao Bm Ferrolterra, en encontro pertencente á décimo novena xornada de liga en Segunda División Autonómica. O Ifecgás Pereira Xiria defende a terceira praza fronte ao peor equipo da liga, que conta os seus partidos por derrotas. Non debería pasar problemas o conxunto de Juan Manuel Rodríguez fronte a un conxunto ao que xa derrotou na primeira volta en Ferrol por un claro 25-42.

 

XUVENIL MASCULINO

O Garaysa Xiria enfróntase este domingo, ás 10:30 h. no Pavillón Municipal da Zona Escolar, ao Bm Oleiros, en partido correspondente á novena xornada de liga. Coa liga prácticamente decidida a favor do Camariñas, o equipo de Marcos Rodríguez defende a segunda praza que lle da dereito a xogar os campionatos galegos. Non debería pasar apuros o Garaysa Xiria fronte a un Oleiros a quen xa venceu na primeira volta con contundencia (24-35).

 

CADETE MASCULINO

O OAK English Centre Xiria enfróntase este sábado, ás 12:30 h. no Pavillón Valle Inclán de Perillo, ao Bm Oleiros, en partido correspondente á décimo terceira xornada de liga. Apaixoante encontro entre o líder e o terceiro clasificado da liga cadete. O conxunto carballés deberá gañar se quere manter opcións de acadar o título de liga na última xornada que lle enfronta ao OAR en Carballo. Non o terá doado o OAK English Centre Xiria fronte a un Oleiros co que non pasou do empate na primeira volta no Pavillón Municipal da Zona Escolar (32-32).

 

INFANTIL MASCULINO

O Ifecgás Pereira Xiria enfróntase este sábado, ás 11:00 h. no Pavillón Valle Inclán de Perillo, ao Bm Oleiros, en partido correspondente á décimo terceira xornada do Campionato Provincial. O equipo carballés  non debería pasar problemas para sumar un novo triunfo en liga e manterse na cabeza da tabla fronte ao Oleiros, un equipo ao que xa derrotou na primeira volta por un contundente 48-9. O conxunto carballés está a un paso de conseguir o título de liga e o podería facer gañando todos os partidos de derrotar ao Oleiros esta xornada e dobregando ao OAR en Carballo, no partido final do campionato.

 

PARTIDOS APRAZADOS

Os partidos que tiñan que disputar esta fin de semana o Punta del Este Xiria (cadete feminino) Procasa Xiria (infantil masculino) Asesoría Sueiro Xiria (infantil feminino) e Caixanova Xiria A, B e C (alevín mixto e benxamín mixto), foron aprazados por mor da folga convocada para o vindeiro sábado polo persoal das instalacións deportivas da provincia da Coruña.


05/03/2008  

CONVOCATORIAS SELECCIÓNS

 

SELECCIÓN GALEGA INFANTIL MASCULINA

Os xogadores Miguel Suárez-Pumariega e David García, ambos os dous do Ifecgás pereira Xiria, foron convocados pola selección galega infantil masculina para participar na Concentración de Primaveira do Programa Nacional de Tecnificación Deportiva da Real Federación Española de Balonmán (Detección de Talentos) que se realizará os días 21, 22 e 23 de marzo en Lugo.

 

SELECCIÓN ESPAÑOLA SUB-20

O xogador carballés Joaquín de las Heras, actualmente no OAR, pero formado nas categorías de base do Xiria e xogador do Calvo Xiria ata a pasada campaña, foi convocado para formar parte da selección española sub-20 que disputará, en Lugo, entre os días 21 e 23 de marzo, a fase clasificatoria para o Campionato de Europa. Fase na que o combinado estatal se medirá a Eslovaquia, Xeorxia e Italia.


01/03/2008   CALVO XIRIA 38 – SUSO FDEZ RIBEIRO 21

Calvo Xiria (18+20) 38: Quique, Christophe (1), Fernando Vázquez  (1), Cuco (3), Pablo (2), Bruno (7) e Jesús (2) -equipo inicial- Iago, Sebastián (4), Chimpo (7), Alex (4), Pombo (5) e Manuel (2).
Suso Fernández Ribeiro (9+12) 21: Marcos, Francisco (3), Reinaldo (3), Enrique, Fidel (2), Joaquín (3) e Bruno (2)-equipo inicial – Brais (1), Iván, Juan, Rafael (4) e Rogelio (3).
Árbitros: José María García e Daniel Portela. Ben no primeiro acto e excesivamente relaxados na reanudación.

O Calvo Xiria conseguiu a súa sétima vitoria consecutiva fronte ao Suso Fernández Ribeiro, un resultado que confirma o excelente momento de forma dos de Marcos Rodríguez e amplía a súa gran racha de triunfos no Pavillón Municipal da Zona Escolar. Cinco minutos aguantou o conxunto de Ribadavia o empuxe local. Nese tempo, o desacerto no tiro do Calvo Xiria facía albergar algún tipo de esperanza de vitoria ao equipo visitante, que chegaba a mandar no marcador por un pírrico 1-2. Un parcial de 6-0 para os de Marcos Rodríguez nos seis minutos posteriores comezaba a definir un choque que, a partir de entón, foi moi cómodo e sinxelo para os locais. O desacerto e dificultades ofensivas dos visitantes eran aproveitadas polo Calvo Xiria para saír en veloces contraataques e ir, pouco a pouco, engordando a súa diferenza. A finalización de Bruno e o acerto de Chimpo en ataque bastábanlle ao conxunto local para chegar ao descanso cunha renda xa moi clarificadora (18-9) da diferenza que existe entre ambos equipos. Sen esquecer tampouco, evidentemente, unha nova exhibición de Quique na portería.

A segunda parte non tivo máis historia que a que quixo escribir o Calvo Xiria ante un rival entregado. Todos os xogadores carballeses gozaron de tempo de xogo e as diferenzas ían crecendo cada vez máis co paso dos minutos. Os visitantes só eran quen de marcar 3 goles nos primeiros quince minutos do segundo acto, unha situación que o levaba a perder xa de 16 goles con quince minutos aínda por xogar (28-12). Un rigoroso cartón vermello directo ao visitante Fidel e un balonazo de Francisco na cara do local Álex enrareceron entón o último tramo do choque, no que a inercia levou ao Calvo Xiria a abusar do seu rival e deixar o 38-21 final no marcador. Os colexiados non quixeron ver unha patada de Rafael a Alex, sobre a bocina, que debeu ser castigada con cartón vermello directo. Algúns xogadores do Suso Fernández Ribeiro, por desgraza, pagaron o seu mal perder co pivote carballés. Un triste final de partido para un enfrontamento que refortalece a moral do Calvo Xiria de cara ao derbi da vindeira semana fronte ao Camariñas.

 


Pax. Anterior                                                                                            Pax. Seguinte